O Concello perfila os contidos da exposición permanente sobre a batalla de Brión que acollerá o castelo de San Felipe

A mostra ‘Defensa de Ferrol: A batalla de Brión’ desenvolverá seis aspectos do acontecido en 1800: o contexto histórico, os escenarios, os seus protagonistas, as armas e tropas, as vestimentas e uniformes e, por último, a propia contenda. Instalarase no antigo almacén de cureñas da fortaleza e será compatible con outras mostras de carácter temporal


O Concello perfila os contidos da exposición permanente sobre a batalla de Brión que acollerá o castelo de San Felipe

O Concello de Ferrol ven de perfilar os contidos que desenvolverá ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’, a exposición permanente sobre a batalla de Brión que instalará no antigo almacén de cureñas do castelo de San Felipe. Esta iniciativa forma parte do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 para o proxecto MMIAH (Maritime, Military and Industrial Heritage of the Atlantic Area Coast), un plan liderado por Ferrol e integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)—. 
Os bloques temáticos da mostra serán seis, e incluirá diversos elementos gráficos e visuais para explicar os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800 e poñelos en valor. O primeiro, o contexto histórico da batalla, versará sobre o momento no que se produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán, tendo en conta que o contorno xeopolítico a nivel internacional entre España, Francia e Inglaterra é “fundamental para entender as motivacións do ataque”, explicou Eva Martínez Montero, concelleira de Patrimonio Histórico. O segundo bloque abordará os escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e das súas murallas, e arsenal, o porto e as baterías. En terceiro lugar, a exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedicará outro bloque aos protagonistas do sucedido, tanto do bando británico como do español, e repasará os personaxes máis importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío. 
O cuarto apartado da mostra fará un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban os dous bandos e explicará as súas características máis importantes. Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupará o quinto bloque da futura exposición no castelo de San Felipe. O sexto e último apartado estará dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido diacrónico que comezará o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol ata que marcharon. O fin, explicou Martínez Montero, é “amosar os aspectos máis relevantes que aconteceron no escenario físico, as manobras e as pasaxes máis importantes da batalla”. Está previsto que a mostra se materialice no primeiro semestre do 2021. 
Posta en valor dun episodio histórico A posta en marcha da exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ intégrase na estratexia xa avanzada polas concelleiras de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico de poñer en valor un episodio histórico cun gran potencial para darlle proxección exterior a Ferrol tendo en conta que se trata “dun dos acontecementos máis relevantes da biografía da nosa cidade”, apuntou Martínez Montero. 
O impulso da exposición únese ás actividades que se desenvolveron o pasado verán para conmemorar o 220.º aniversario do intento de invasión británica, que incluíron recreacións, visitas guiadas ao castelo e a elaboración dun vídeo promocional. A intención é que o próximo verán se poida organizar unha conmemoración de máis entidade, xa que a deste ano quedou reducida debido ás restricións sanitarias por mor da pandemia. 
Trátase, en palabras de Martínez Montero, de “darlle ao noso patrimonio histórico o valor que merece e de dotar de contido museográfico o castelo, comezando por un espazo magnificamente rehabilitado” como é a sala cureñas. Para a edil, darlle utilidade ao antigo almacén significará “garantir o seu mantemento” ao tempo que “seguir avanzando nas melloras que necesita a fortaleza”, como a recuperación da batería baixa e unha actuación que recolle pequenas obras en diferentes puntos do recinto. Ambas, coma a futura recreación virtual do castelo e as baterías de costa, forman parte tamén do proxecto MMIAH. Unha mostra “atractiva e de calidade” que xere “curiosidade” O fin do Concello de Ferrol co deseño de ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ é poñer a dispor dos visitantes unha mostra que logre “transmitir a importancia do episodio histórico” a través dunha exposición “entretida, atractiva e de calidade” que logre xerar “curiosidade” ao redor da batalla de Brión, rematou a concelleira.

Deja una respuesta

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies